OBRADOIRO | ILUSTRACIÓN CON TECIDO E FÍO. ZARAPELLEIRAS | BEA LEMA

DATOS BÁSICOS

[MULLERES EN CADRIÑOS · ACTIVIDADES PARALELAS #PUNCTUM ]

A fanzineira Bea Lema é unha das integrantes da exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega no Auditorio de Galicia. Gañadora do premio do público da última edición do Festival de BD de Angoulême convídanos a participar en 'Ilustración con tecido e fío. Zarapelleiras', un obradoiro dirixido a nenas e nenos de máis de dez anos que queiran coñecer a historia da arpillería, unha técnica de representación sobre zarapello ou tea de saco que xurdiu en Chile durante a ditadura militar e que adoitaba ser feita por grupos de mulleres. As zarapelleiras son pezas téxtiles tradicionais que poden representar paisaxes, costumes ou acontecementos importantes ou significativos para as persoas que contan a historia. A técnica consiste en elaborar figuras con retrincos de tea de diferentes texturas, que se cosen ou bordan con la ou fíos de cores sobre outra tea. Da man de Bea Lema crearemos unha ilustración que se trasladará á tea con tecidos compostos a modo de collage para crear unha escena. No proceso aprenderemos diferentes tipos de puntadas e técnicas, escolleremos os apliques a utilizar e bordaremos pequenos detalles para crear a nosa arpillera que poderemos levar para a casa.

INFORMACIÓN 

  • Nº máximo de participantes: 25
  • Idade recomendada a partir de 10 anos
  • Non son necesarios coñecementos previos
  • Material necesario: debes traer tesoiras
  • Previa reserva de praza –até ás 14.00 h do 3 de maio– no mail obradoiros.punctum@gmail.com

Bea Lema (A Coruña, 1985). Artista de cómic, ilustradora e artista de animación. Os seus traballos abordan desde a autorreferencia a temas relacionados co trauma, as relacións familiares, a enfermidade mental, a relixión e os ritos populares. Aborda a súa arte tendo o debuxo, o bordado e a animación como soportes e medios de expresión. En 2017 recibe o XII Premio de cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental dende a perspectiva dunha nena. En 2022 é seleccionada para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O resultado desa residencia é un libro publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Des maux à dire, obra premiada o pasado mes de xaneiro co “Premio do Público-FranceTV” no Festival de BD de Angoulême, evento que é un referente a nivel mundial.


 #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, permanece aberta no Auditorio de Galicia até o 16 de xuño

Entradas: 
Funcións: 
Sábado, 25 Maio, 2024
16:30 a 18:30
Zona "C"