fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
FESTA DO BANQUETE DE CONXO
Varios | Varios
FESTA DO BANQUETE DE CONXO
Conmemoración dun dos meirandes fitos da nosa historia
Cando se cumplen 162 anos da celebración deste acto histórico de confraternización, Compostela prepárase para conmemoralo por vez primeira baixo os mesmos carballos que o acubillaron orixinariamente. Aquel convite que reuniu en torno á mesma mesa a estudantes universitarios, obreiros e artesáns o 2 de marzo de 1856 para reivindicar a igualdade e a liberdade, fica na memoria colectiva coma un dos acontecementos fundacionais do galeguismo.
que

Entre os seus impulsores, figuras relevantes da nosa cultura como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Luis Rodríguez Seoane, autores dos tres brindes da celebración. E aínda que non hai certeza documentada, fálase tamén da presenza de Paz Nóvoa, Manuel Murguía e incluso de Rosalía de Castro. As beiras do Sar foron testemuña do simbólico momento no que un patrón e dous obreiros de cada oficio, convidados polos estudantes da Universidade de Santiago, foron servidos por estes vestidos de frac, facendo desaparecer os lindeiros entre clases sociais.

Festa do Banquete de Conxo

O barrio de Conxo vivirá unha auténtica festa durante a fin de semana do 21 e 22 de abril, na que teremos a oportunidade de reivindicar a súa historia, ademais de ensalzar valores como a liberdade de expresión, a igualdade ou a diversidade cultural, cun programa deseñado de xeito transversal desde as áreas municipais de Acción Cultural, Emprego, Comercio, Educación e Centros Cívicos.

Esta festa compleméntase con actividades que se veñen desenvolvendo desde marzo e terán continuidade no mes de abril, como son os itinerarios comentados, presentacións, obradoiros ou as Xornadas Gastronómicas (19 ao 22 de abril) en colaboración coa Asociación Hostelería Compostela. Días nos que os comensais, ademais de degustar a cabra e outras viandas tradicionais nos distintos restaurantes da cidade, levarán de agasallo un exemplar do libro Balada ceibe do bosque de Conxo, composto por un texto de Henrique Alvarellos e os tres brindes orixinais do Banquete.

Os centros de ensino secundario acollerán nas súas aulas a presentación do libro O Banquete de Conxo de 1856. A confraternización como símbolo, do historiador Alfonso Iglesias, e tamén se realizarán dinámicas nos colexios de primaria para a preparación da actividade infantil ‘O Conxo que queremos’ e obradoiros de regueifa con Carme da Pontragha con vistas a participar en ‘A festa da poesía’, ambas programadas para o día 21.

Un evento lúdico e reivindicativo

A celebración comezará o día 14 cun paseo histórico-teatral para abrir boca. Xa durante a fin de semana da festa, participaremos das visitas guiadas ao bosque do Banquete de Conxo da man do xornalista Henrique Alvarellos, unha mesa redonda sobre a importancia do Banquete e os desafíos que ten por diante o barrio de Conxo, desfiles teatralizados e representacións sobre o fito histórico... e un magnífico xantar popular na carballeira.

Como en toda festa, non faltará a música. Gozaremos dun concerto da Coral do Hospital Psiquiátrico de Conxo acompañada da Coral Solfa, pezas da época interpretadas pola Banda Municipal de Música e o Serán da Fraternidade que achegará en forma de foliada a música tradicional.

A festa da poesía porá a nota literaria a esta cita conmemorativa con recitais, regueifas, rap e máis música. E durante toda a fin de semana, na praza Aurelio Aguirre, diante do Centro Cívico de Conxo, haberá un Mercado do Libro e da Artesanía que incluirá chocolatada de balde os dous días, en horario do mercado. Acompañarase dun amplo programa de actividades coma presentacións de libros, recitais, mostras de artes e oficios artesanais, monicreques para a cativada, xunto con moitas máis actividades lúdicas para todas as idades.

cando e onde
Sábado 21 - Domingo 22 abril 2018
  Barrio de Conxo

http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf
http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf http://ofv.auditoriodegalicia.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=331&OR=331&SORT=2&ORDER=2
www.compostelacapitalcultural.org http://e-auditoriodegalicia.net/ www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostecapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org