Nesta incursión destemida nos camiños da filosofía, todo son preguntas. Será que se pode atopar unha resposta perralleira ás grandes preguntas da humanidade? Son os cómicos seres pensantes ou só o parecen? Hai vida antes da morte? Para que serve un concepto nunha comedia? Que é mellor, saber ou non saber o que fai a veciña do lado polas noites?
Dispostos a solucionalo todo e armados cun simple biombo, Mofa e Befa emprenden viaxe polo fascinante mundo das ideas onde serán asaltados e posuídos por todo tipo de personaxes: filósofos lucenses, domadores de circo anti-darwinianos, eremitas positivistas, cantantes sufís ou cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade. Un freak show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual, por difícil que pareza.
Dous cranios privilexiados á procura de respostas, dispostos a convencernos da validez do seu método: “No perralleirismo atoparedes a verdade”.
Ficha do espectáculo
Elenco Artístico: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
Dirección de Arte: Natasha Lelenco
Espazo Lúmínico: Octavio Mas
Atrezzo: Marcelino de Santiago, “Kukas”
Produción: Rubén G. Pedrero
#posfuncion
Ao remate da representación do xoves 25, teremos a #posfunción, un espazo no que público e equipo do espectáculo poderán debater e intercambiar opinións arredor da obra. Ademais, convidamos a que comentedes o que vexades oportuno, todos os días de función nas redes sociais coas etiquetas de #posfuncion e #euvexoteatrogalego. Nesta primeira posfuncion acompañáránnos Zeltia Laya, filósofa e organizadora da Olimpiada Filosófica e Patricia Coucheiro, actriz e estudante de filosofía, ademais dos protagonistas da obra.