Para celebrar este 30 aniversario, Chévere quere facelo agasallando ao público. Por iso vai ofrecer a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a 3 obras míticas do repertorio da compañía en 3 espazos distintos da cidade só durante o mes de xullo.
As dúas primeiras obras escollidas caeron polo seu propio peso: é moita a xente que segue falando de cando viu por primeira vez Rio Bravo e para Chévere foi unha escola de vida e oficio, ademais do primeiro gran éxito de público. Annus Horríbilis marcou un punto de madurez e excelencia para todo un grupo de artistas vencellados con Chévere, coa Nasa e con Compostela e permitiu abrir novos camiños profesionais e creativos. A terceira obra escollida é máis recente, a Ultranoite no País dos Ananos, que foi a única obra de Chévere que non se puido ver nesta cidade e serve de homenaxe a ese xénero propio que se inventou nun arrabalde de Compostela e que todo o mundo coñece como Ultranoite.
As tres obras ofrecen unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.
ULTRANOITE NO PAÍS DOS ANANOS
A Ultranoite é un formato teatral e cabareteiro cociñado na Nasa, que leva desde 1993 renovándose continuamente e no que teñen participado varias xeracións de actores, actrices, cantantes e músicos galegos. Durante máis de 20 anos a Ultranoite ofreceu un reflexo crítico, cómico e retranqueiro da actualidade política, social e cultural, converténdose nunha crónica escénica da historia recente do noso país. Como homenaxe a toda esta traxectoria, Chévere estreou este musical en Teo en 2014 para achegar o espírito da Ultranoite a todo o público galego.
O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e por un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. A Ultranoite no País dos Ananos é ademais un musical atípico, ofrece unha visión moi crítica da Galicia oficial a través dun humor corrosivo e unhas cancións que non deixan lugar á esperanza, pero que teñen un lirismo, unha beleza e unha contundencia expresiva unanimemente aclamadas polo público e a crítica.
En Escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, co acompañamento musical de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. Libreto: Manuel Cortés. Músicas: Xacobe Martínez Antelo. Escenografía e vestiario: Carlos Alonso. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Comunicación: Xana García. Unha produción Chévere co apoio do Concello de Santiago de Compostela. Chévere é compañía residente no concello de Teo.