Christoph Prégardien tenor
“A súa voz de tenor lírico tiña un brillo xuvenil, sen embargo cantou con queixosa beleza e penetrante visión.” The New York Times
O seu preciso control vocal, clara dicción, intelixente musicalidade e capacidade de chegar ao corazón aseguran a Christoph Prégardien un lugar entre os tenores líricos máis importantes do mundo. Especialmente respetado como cantante de lied, esta temporada actuará no Wigmore Hall de Londres, Singel de Amberes, Rudolfinum de Praga, Atenas Megaron, Philharmonie de Berlín, Konzerthaus de Viena, Concertgebouw de Amsterdam e Tonhalle de Zúric. Como convidado habitual, volverá a festivais como o de Edimburgo, Schubertiade Schwarzenberg, Schwetzingen SWR, Rheinvokal e Verbier. Na primavera de 2012, nun novo reto, dirixiu A Paixón segundo San Xoán na xira por Europa con Le Concert Lorrain e o Nederlands Kamerkoor.
Aparece regularmente con recoñecidas orquestras de todo o mundo como as Filharmónicas de Berlín e Viena, Bavarian Radio Symphony, Amsterdam Concertgebouw, Staatskapelle Dresden, Gewandhausorchester Leipzig, Nacional de España, London Philharmonia e Philharmonie de Radio France, ademais das Sinfónicas de Boston, St. Louis, Montreal e San Francisco. O seu extenso repertorio orquestral inclúe barroco, clásico, romántico, oratorio e paixóns así como obras que van do século XVII (Monteverdi, Purcell, Schütz) ata o XX (Britten, Killmayer, Rihm, Strawinsky). Colaborou con directores como Barenboim, Chailly, Gardiner, Harnoncourt, Herreweghe, Luisi, Metzmacher, Nagano, Sawallisch e Thielemann. En ópera, os seus papeis inclúen Tamino (A frauta máxica de Mozart), Almaviva (O barbeiro de Sevilla de Rossini), Fenton (Falstaff de Verdi), Don Ottavio (Don Giovanni de Mozart) e os roles protagonistas de A clemencia di Tito de Mozart e O retorno de Ulises á patria de Monteverdi.
A maior parte do repertorio de Prégardien foi gravado polos selos BMG, EMI, DG, Philips, Sony, Erato e Teldec. A súa discografía contén máis de 130 títulos, moitos dos cales foron premiados internacionalmente, e as súas famosas gravacións das cancións románticas alemanas gañaron o Orphée d’Or da Académie du Disque Lyrique, e tamen o Prix Georg Solti, o Premio da Crítica Alemana, Edison Award, Cannes Classical Award e o Diapason d’Or, por citar algúns.
Recentemente asinou unha colaboración a longo prazo co selo holandés Challenge Classics; a súa primeira gravación, A bela muiñeira de Schubert (acompañado por Michael Gees), e O canto do cisne de Schubert (con Andreas Staier) foron editados en 2008. A bela muiñeira foi eloxiado como “Mellor do ano” en Gramophone e no MIDEM 2009, recoñecido como “Gravación e Recital de Voz do Ano”. Posteriormente o selo editou unha gravación de cancións de Schubert, Mahler, Wolf e Loewe, entre outros, titulada Between Life and Death (de novo con M. Gees ao piano) e as Cancións italianas de Hugo Wolf coa soprano Julia Kleiter e o pianista Hilko Dumno. En setembro de 2011, o novo álbum Wanderer presentou versións para conxunto de cámara, xunto ao Ensemble Kontraste, con cancións de Schumann, Killmayer e Mahler.
O ensino segue a ser unha parte moi importante da súa vida musical. Desde 2000 a 2004 deu clases na Hochschule für Musik und Theater en Zúric, e desde 2004 foi profesor na Academia de Música en Colonia. Como parte das “Clases maxistrais Schott”, publicou un anovador libro/DVD multi-media sobre técnica vocal e interpretación musical.
Roger Vignoles piano
Internacionalmente recoñecido como un dos músicos e pianistas acompañantes máis distinguidos do mundo, acompaña habitualmente aos mellores cantantes nos máis importantes auditorios e salas de concertos e está considerado como unha destacada autoridade no repertorio da canción. Inspirado ao escoitar a Gerald Moore, ao deixar a universidade decidiu dedicarse á carreira de pianista acompañante, completando a súa educación musical co distinguido mestre vienés Paul Hamburger. Desde ese momento, a crítica do mundo enteiro recoñeceu as súas grandes calidades como intérprete. Na súa carreira, que abrangue xa as catro décadas, colaborou con cantantes da categoría como Elisabeth Söderström, Kiri Te Kanawa, Thomas Allen, Olaf Bär, Barbara Bonney, Kathleen Battle, Christine Brewer, Brigitte Fassbaender, Bernarda Fink, Susan Graham, Thomas Hampson, Wolfgang Holzmair, Lorraine Hunt, Felicity Lott, Mark Padmore, John Mark Ainsley, Joan Rodgers, Robert Holl, Measha Brueggergosman, Miah Persson, Anne Schwanewilms, Kate Royal, Sarah Walker, etc.
Ademais de ofrecer recitais, dedica unha gran parte da súa actividade a idear e dirixir programas e festivais de canción. Creou varios ciclos no Queen Elizabeth Hall de Londres, como Young Brahms, Landscape into Song (unha homenaxe a Schubert) e Scenes from Schumann. De 1998 a 2002 foi director artístico do Nagaoka Winter Festival de Xapón, en 2007 foi director artístico do festival Leeds Lieder Plus e dende 2002 codirector artístico do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela.
A súa extensa discografía inclúe gravacións moi eloxiadas –dende o lied alemán até a mélodie francesa, pasando pola canción española e a canción de cabaré– con artistas como Susan Graham, Thomas Allen, Kiri te Kanawa, Sarah Walker, Anthony Rolfe Johnson, Joan Rodgers, Véronique Gens, Bernarda Fink, Mark Padmore, Robert Holl, Christopher Maltman, etc. Cómpre salientar a integral dos lieder de Strauss que dirixe para o selo Hyperion. É tamén un extraordinario profesor, e impartiu clases maxistrais en Ámsterdam, Bruxelas, Copenague, Estocolmo, Nova York, Boston, Baltimore, Montreal e Toronto. Acude regularmente á Universidade de Indiana (Bloomington), ao Britten-Pears Young Artists’ Programme en Snape e é Prince Consort Professor of Accompaniment no Royal College of Music de Londres. Dende 2004 dirixe o Sommer Lied Weinberg, un curso na Alta Austria para cantantes e pianistas.
PROGRAMA
Johannes Brahms
Dein blaues Auge Op. 59,8
Von ewiger Liebe op. 43,1
Feldeinsamkeit Op. 86,2
Wie rafft ich mich auf Op. 32,1
Auf dem Kirchhofe Op.105,4
Felix Mendelssohn Bartholdy
Lieder nach Heinrich Heine:
Reiselied
Morgengruß
Allnächtlich im Traume
Auf Flügeln des Gesanges
Gruß
Neue Liebe
Franz Schubert (1797-1828)
Lieder nach Ernst Schulze:
Im Jänner 1817 (Tiefes Leid) D 876
An mein Herz D 860
Um Mitternacht D 862
Über Wildemann D 884
Im Frühling D 882
Auf der Bruck D 853
Gustav Mahler (1860-1911)
Aus: "Des Knaben Wunderhorn"
Wer hat dies Liedlein erdacht?!
Lob des hohen Verstandes
Rheinlegendchen
Wo die schönen Trompeten blasen
Revelge