fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
ALÉN DOS XÉNEROS
Arte | Varios
ALÉN DOS XÉNEROS
Prácticas artísticas feministas en Galicia
Alén dos xéneros, permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional, ofrecendo unha revisión das prácticas feministas e tendendo pontes con movementos activistas feministas e LGTBQI. O Auditorio acolle este proxecto que foi realizado en coprodución co MARCO de Vigo, e comisariado por Anxela Caramés.
que

ALÉN DOS XÉNEROS formula unha revisión das prácticas artísticas feministas en Galicia, a través dunha selección de obras de medio centenar de creadoras e creadores que teñen vinculación con Galicia e que —con excepción das obras realizadas a finais dos setenta por Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948), pioneiro á hora de dar visibilidade ao colectivo homosexual no Estado Español— foron producidas dende os anos noventa ata a actualidade.

A proposta reúne pezas de diferentes artistas, nalgúns casos pouco coñecidas e/ou inéditas e inclúe obras realizadas tanto por mulleres como por homes, desbotando o tópico dunha arte feminista producida só por mulleres, e incorporando autores masculinos que traballan dende unha perspectiva de xénero e/ou queer.

Alén dos xéneros, indaga na pluralidade de aspectos da arte feminista e dá visibilidade a xeracións máis novas, vinculándoas coa obra de artistas cunha traxectoria máis consolidada. Permite tamén contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional; e á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI (Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Queer e Intersexuais).

O diálogo entre as obras fai posible que emerxan temas esenciais na loita feminista como o corpo das mulleres e a súa sexualidade, as relacións de parella, a maternidade, a violencia machista, os roles de xénero, a dicotomía entre o espazo doméstico e o público, a relación coas antepasadas, os rituais máxicos vinculados á espiritualidade feminina... Este primeiro eixe temático permite, así mesmo, unha reflexión sobre o rol da muller artista.

Con respecto á teoría queer, a mostra formula múltiples cuestións en torno ao desexo, os corpos e a sexualidade lésbica, gai e transxénero. Suxírese que a masculinidade e a feminidade son entendidos como unha mascarada, ou unha representación de códigos. Tamén se insiste na performatividade de xénero; é dicir, afírmase que os xéneros e as identidades sexuais son construcións socio-culturais e, polo tanto, transformables.

Alén dos xéneros incorpora documentación complementaria ás prácticas artísticas. Así, na mostra están presentes destacadas revistas feministas galegas como Andaina e A festa da palabra silenciada, xunto a información relativa ao activismo feminista e LGTBQI. Dende mediados dos setenta os primeiros grupos feministas, como AGM (Asociación Galega da Muller), e os colectivos homosexuais mobilizáronse en Galicia en favor da igualdade de dereitos e en defensa da liberdade sexual. Posteriormente a Marcha Mundial das Mulleres constitúe un dos movementos máis representativos e aglutinadores de diferentes tendencias dende finais dos noventa. Na exposición préstase especial atención aos colectivos queer que empregan a linguaxe artística como ferramenta política: Maribolhèras precárias, Lerchas, Mulleres Transgredindo ou Nomepisesofreghao foron exemplo diso, xunto ao novo grupo Queer Avengers.

A imaxe gráfica do proxecto, obra da deseñadora compostelá Uqui Permui, está inspirada na estética do ‘feito a man’, o Do It Yourself característico da autoxestión e da comunicación activista, e destaca a utilización da lambda (λ) como símbolo internacional do movemento LGTBQI.

 

Anxela Caramés (Santiago de Compostela - A Coruña, 1977) é doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2016) e licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (1999). Interesada pola narración e a imaxe audiovisual, cursou estudos de dirección e montaxe na Escola de Imaxe e Son da Coruña (2001) e realizou o programa de doutoramento Artes Visuales e Intermedia na UPV (2004), onde presentou a súa tese doutoral sobre xestión cultural feminista no contexto español. Como investigadora en arte contemporánea e feminismos ten impartido conferencias en museos e universidades, e publicado artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións.

Dende 2005 traballa como axente cultural e crítica de arte; desenvolve proxectos expositivos, dirixe encontros de debate e reflexión crítica, e programa ciclos de vídeo ou performance nos que se interesa pola cultura visual, o impacto social e político nos procesos de creación, as cuestións de xénero e as dinámicas colaborativas, prestando especial atención aos artistas emerxentes. Destacan as xornadas de conferencias Subjetividades críticas/narrativas identitarias. Feminismos y creación contemporánea en el Estado Español (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2006 e 2015); Contra viento y marea, palabras y huellas de los feminismos (Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, A Coruña, 2009); Muartech: Acciones híbridas desde el género y la tecnología (Espacio Menosuno, Madrid, 2011) e Sujetos emergentes. Sexualidades y feminismos contemporáneos, xunto a Rubem Centeno e Pablo Andrade (UDC/ Normal, A Coruña, 2011). Coordinou, ao carón de Xurxo Taxes, o ciclo de cine recuperado Accións e delirios en 8mm. Galicia 1975-85 para a II Mostra de Cinema Periférico S8 (2011). Como comisaria organizou exposicións como Desnudas (Otro Espacio/Sin Espacio, Valencia, 2011); Ensamlandet, Tierra de Soledad (Alterarte, Ourense, 2012); Elas Fan Tech (Normal, A Coruña, 2013); Seoanes Posibles. After Teresa de Villar (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2013); Miradas de mujer sobre la Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo (Pazo de San Marcos, Lugo, 2014) e Lost & Found. Archivos (Re)colectados (Normal, A Coruña, 2014).

www.anxelacarames.com

 

ARTISTAS

Julio Manuel Álvarez Bautista (Vigo, 1992)

Xoán Anleo (Marín, 1960)

Lara Bacelo (Mos, 1981)

Katrina Biurrun (Barcelona, 1966)

Vicente Blanco (Cee, 1974)

Claudia Brenlla (Brasil, 1964)

Mónica Cabo (Oviedo, 1978)

Mar Caldas (Vigo, 1964)

David Catá (Viveiro, 1988)

Salvador Cidrás (Vigo, 1968)

Contenedor de Feminismos

Andrea Costas (Vigo, 1978)

Carolina Cruz Guimarey (A Coruña, 1981)

Luz Darriba (Montevideo, Uruguai, 1954)

Sabela Dopazo Vieites (Santiago de Compostela, 1975)

EDU [Eduardo Fernández] (A Coruña, 1987)

El Ama de Casa Pervertida (Vigo, 1922)

[Cristian Gradín & Pablo Huertas] (Soutomaior, 1980 / Pontevedra, 1984)

Félix Fernández (Viveiro, 1977)

Basilisa Fiestras (Forcarei, 1986)

Xisela Franco (Vigo, 1978)

Celeste Garrido (Marín, 1972)

Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978)

Ana Gil (Ourense, 1973)

Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1947)

Cristian Gradín (Soutomaior, 1980)

Yolanda Herranz (Baracaldo, 1957)

Colectivo LAG [Lara Buyo & Ana Corujo] (A Coruña, 1993 / Viveiro, 1993)

Rebeca Lar (Vigo, 1993)

Carmen Llonín (Lugo, 1964)

Gema López (Lugo, 1987)

LSD

María Marticorena (A Coruña, 1977)

Chelo Matesanz (Reinosa, 1964)

Álex Mene (Vigo, 1968)

Moona (Vigo, 1975)

Carme Nogueira (Vigo, 1970)

O.R.G.I.A

Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990)

Marta Paz (A Coruña, 1976)

Uqui Permui (Barallobre, 1964)

Laura Piñeiro (Pontedeume, 1984)

POST-OP [Majo Pulido & Elena Urko] (Ourense, 1974 / Irún, 1975)

Mar Ramón (Valencia, 1993)

Reme Remedios (Romiña, 1972)

Rita Rodríguez (A Coruña, 1981)

María Ruido (Pidre-Xinzo de Limia, 1967)

Sara Sapetti (Valladolid, 1976)

Neves Seara (Ourense, 1983)

Sonia Tourón (Pontevedra, 1979)

Peque Varela (Ferrol, 1977)

 

Folla de sala

cando e onde
Xoves 6 xullo / Domingo 12 novembro 2017
  Auditorio de GaliciaAvda. do Burgo das Nacións 981 574 152/ 981 552 290

horario
Horario de exposición: Todos os días de 10 a 14h e de 16 a 19h

de interese
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1506852530.pdf
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1506852530.pdf http://www.compostecapitalcultural.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://ofv.auditoriodegalicia.org
www.compostelacapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html 	http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1504345520.pdf http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org