Políptico, instalación fotográfica, propón “un comentario sobre a posta en valor do patrimonio”, unha reflexión sobre a construción do discurso visual e o seu papel lexitimador dentro do noso patrimonio cultural. O artista concibe unha serie de fotografías e obxectos que conectan a repostería tradicional galega coa mitoloxía asociada á alimentación e a explotación mercantilista do patrimonio simbólico.
O proxecto de Lista ten a súa orixe na investigación predoutoral tutorizada polo prestixioso fotógrafo Manuel Sendón. Convídanos o creador á reflexión a partir de imaxes-icono do noso patrimonio cultural vinculadas á tradición xacobea como a repostería – souvenir: tartas de Santiago ou doces con formas vieira consagrados como símbolo e identidade da cultura galega. Estes elementos amósanse na Zona “C” nun percorrido similar á disposición de imaxes en lugares de culto da tradición cristiá.
O espazo queda presidido por un tríptico principal (que da nome a intervención), fotografías realizadas cunha impecable calidade formal que seguen a tradición do bodegón barroco español (Sánchez Cotán) ou prácticas artísticas máis contemporáneas vinculadas ao potencial simbólico da comida (Vik Muniz, etc)
“Políptico” recorda que non existen produtos ni costumes inocentes e que a nosa civilización constrúese sobre a base de profundas cargas culturais. Un proxecto de investigación e análise social tomando como punto de partida as tradicións culinarias de Galicia xa que en ela conflúen aspectos determinantes como a industria, a identidade local, o patrimonio ou a relixión.
Enrique Lista (Malpica de Bergantiños,1977). Estuda Belas Artes na Facultade de Pontevedra e gráfica publicitaria na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. Ten desempeñado diversos traballos nos campos do deseño gráfico, das artes plásticas e da fotografía.
Como artista plástico participou en varias exposicións, principalmente con traballos fotográficos, entre elas: Cosas que solo un artista puede hacer (MARCO. Vigo), La osadía del bufón (Centro Torrente Ballester. Ferrol), A títol propi (Sant Andreu. Barcelona), Outonarte 2009 (A Coruña), Situación (CGAC. Santiago de Compostela), Enrique Lista, licenciado en belas artes (Sala Alterarte. Ourense), Nada que ver (Casa da Parra. Santiago de Compostela), Lacôme con grelos. 8 artísticas recetas gallegas (Centro de arte Joven de la Comunidad de Madrid), Temperatura ambiente (Sant Andreu. Barcelona), Corpografías (Galería Sargadelos. A Coruña), Resistentes (Pazo da Cultura. Pontevedra), Diferentes. Junge spanische kunst in Asbach (Museum Kloster Asbach. Rotthalmünster. Alemaña), MICA-ASSAIG I: Artista (Museu Miquel Casablancas. Barcelona), Residentes 05 (Obra Social Caixa Galicia. Santiago de Compostela), Ausencias e memoria (itinerante Galicia) ou O feito fotográfico (MARCO. Vigo)
María Marco é crítica e comisaria de arte contemporánea. Licenciada en Humanidades e Belas Artes, actualmente realiza a tese de doutoramento sobre os procesos de desmaterialización na escultura contemporánea mentres colabora en varias plataformas editoriais como DARDOmagazine. Recibiu diversas axudas de produción, entre elas no Masachussetts Art College (Massart) de Boston (EUA) ou no Kulturmodell de Passau (Alemaña).